miércoles, 10 de junio de 2026

Club de lectura. Y entonces nos perdimos

Rematamos o curso e entre exames e agobios finais fomos deixando a última reunión para o mes de xuño. Así que para festexar a actividade e o compromiso por parte de todas degustamos unhas pastas de té para facer máis levadeira a xuntanza. E aproveitamos o día espectacular para facela no Biblioxardín. Que máis se pode pedir?

Pois que este último libro fose todo un acerto e outro éxito. Porque nin máis  nin menos Y entonces nos perdimos de Ryan Andrews foi unha historia que a todas lles encantou. Por que?

Polos debuxos tan sorprendentes e imaxinativos que lembraban aos animes xaponeses. Polo inesperado da historia e as preguntas e desconcerto que lles deixou por momentos. Polo tratamento dos personaxes que se deciden a vivir unha aventura e a traspasar os límites marcados onde entran nun mundo novo, un “máis alá” que seus pais lles fixeron prometer que non cruzarían.

Agora só nos resta esperar que esta aventura entre libros que comezamos este ano co  club Letras Salgadas continúe o ano que vén e que máis se unan á AVENTURA DE LER.




jueves, 4 de junio de 2026

Obradoiro marcapáxinas e de pasta de papel

Antes de despedirmos o curso fixemos esta actividade que levaba tempo programada e que por unhas cousas e por outras fomos adiando.

O alumnado de 1º e de 2º estivo a aprender a facer pasta de papel e con ela fixo tapas para cadernos. É un proceso laborioso e que require coidado. Como precisabamos ter auga a man e pías para non poñer todo pingando desenvolvemos a actividade na aula de tecnoloxía.




Probaron tamén con outros materiais base como o bambú e tamén deseñaron marcapáxinas para logo decoralos e personalizalos. 

Unha boa maneira de rematar o ano!









 

martes, 26 de mayo de 2026

Marta Villar presentounos o seu libro

A escritora Marta Villar visitounos o pasado venres 15 para presentarnos o seu libro Os peidos máxicos de Sultán, un libro que leu o alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria.

A autora conversou co alumnado e falaron de moitas cousas, dende o vocabulario ata os personaxes. Tamén de aspectos fantásticos e doutros reais que ten o libro e dos temas que trata, como poden ser: a soidade, a amizade ou o acoso escolar.

Todas as dúbidas ou case todas foron resoltas e para finalizar asinou libros a todos os que llo pediron.




jueves, 21 de mayo de 2026

Begoña Caamaño. Letras Galegas 2026. Especial Radio Toural

Begoña Caamaño foi a personalidade escollida nesta ocasión para celebrar as nosas letras e polo tanto a nosa cultura, que segue viva e ten moito futuro por diante.

Foi xornalista e escritora, moi vinculada aos principais medios de comunicación da época e tamén a aquelas iniciativas culturais e sociais que formaban  parte do tecido social de Galicia.

As participantes no Club de Lectura Letras Salgadas quixeron facer a súa particular homenaxe e desenvolveron este programa especial para festexar a nosa cultura e dar a coñecer un pouco máis a vida e a obra de Begoña Caamaño.

Se queres escoitar o programa non tes máis que premer AQUÍ

 

sábado, 16 de mayo de 2026

En abril, contos mil

No mes de abril xurdiu a idea de facer Recreos de Conto. Desta maneira cada día un contador ou unha contadora leríalles e dramatizaría un conto para todos aqueles que quixesen escoitalo e, por que non dicilo, tamén vivilo.

A implicación de todas as persoas que conformamos a comunidade educativa do CPI do Toural  foi absoluta e o éxito foi tal que non chegaron os días de abril e aínda tivemos que estender os recreos de conto ao mes de maio.

Léronse contos en galego, castelán, inglés e portugués e ademais continuouse co apadriñamento lector, actividade interciclos onde o cerne é a lectura compartida entre iguais. 



lunes, 27 de abril de 2026

Poesía revelada

O 23 de Abril chegou e trouxo con el unha fermosa actividade, POESÍA REVELADA.

A partir das páxinas dun libro crearon poesías que mesturaron con debuxos, deixando ao descuberto mensaxes agochadas entre as liñas das páxinas:

Todo comezou  cun primeiro bico, coma a brétema no interior que xermola 


 Síntome como se tivese o corazón latexando na gorxa

 

Unha actividade chea de suxestión e sobre todo de amor polos libros.

 



martes, 17 de marzo de 2026

Club de lectura Letras Salgadas. Iridium

Iridium conta a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes. É unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual non a quererían tanto. É, pois, unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos que desprezan a todas e a todos os que son diferentes.

Historia de discriminacións e inxustizas ou de amor e amizade máis aló das dificultades?

Iridium conta unha historia de amor. Porque todas e todos, independentemente do que nos suceda, sentimos igual.

Esta novela valeulle ao escritor Francisco Castro entrar no catálogo dos mellores libros do mundo para nenos e coa temática de discapacidade.

 

Entre as nosas lectoras houbo disparidade de criterios e mentres a algunhas pareceulles unha novela interesante e atraente porque lles encanta a temática das relacións de parella e do amor adolescente, outras quedaron algo contrariadas. O que todas salientaron é a orixinalidade da escrita ao incluír conversacións de whatsapp, emoticonos e correos que facían a lectura moi amena.

Pero se queredes saber realmente o que pensan e dixeron as nosas lectoras terás que escoitar este PODCAST que prepararon.


 

miércoles, 11 de marzo de 2026

O fío que nos une ás mulleres da nosa vida

Para conmemorar o Día da Muller de maneira transversal en todas as etapas educativas do noso centro desenvolvemos esta actividade que quere homenaxear a todas aquelas mulleres anónimas que moven o mundo.

Os fíos serven para coser e para unir, neste caso á vida das mulleres máis importantes de cada un dos alumnos e alumnas.



Nomes de mulleres referentes que decoran a entrada do noso centro e que deben ser lembradas pola importancia que teñen no día a día da nosa comunidade.


 

jueves, 26 de febrero de 2026

Obradoiro de banda deseñada con Xosé Tomás

Esta mañá visitounos o profesor, ilustrador e debuxante Xosé Tomás.

A súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, con títulos como O caderno azul (Xerais, Vigo), El niño que tenía miedo de los robots / El robot que tenía miedo de los niños (Edebé, Barcelona) María é Maior (Baía, A Coruña), O pirata Metepata (Baía, A Coruña), Sabeliña e os ratos (Galaxia, Vigo), Animalia e outros moitos...

Tamén é autor da novela gráfica Nómades (Galaxia), onde as mulleres son as protagonistas de diferentes historias cuxa temática vai do desarraigo, a explotación, a incomprensión ou o desamparo, aínda que ao final sempre pode encontrarse un sopro de esperanza. 





O obradoiro artellábase en dúas partes:

Unha primeira que servía de introdución e de coñecemento dos elementos indispensables da banda deseñada. Dende os inicios de contar historias a partir de debuxos ata a importancia da elipse, das liñas cinéticas, dos estereotipos e das diferentes formas que poden adoptar as viñetas.

Na segunda parte do obradoiro, o alumnado tivo que poñer en práctica todo o aprendido.

Unha mañá moi proveitosa para todos.








 


 

miércoles, 25 de febrero de 2026

Cazando estereotipos nas redes

Ser responsables no uso das redes sociais e saber recoñecer as manipulacións que se agochan detrás delas é algo que debemos ter en conta.Tamén nas redes abundan estereotipos e onde a manipulación é moi  habitual. 

Este taller serviunos precisamente para descubrir estas e outras cousas, que non debemos deixarnos influír nin seguir as opinións que os influencers e as marcas queren e que debemos ter coidado coas opinións e comentarios que fagamos porque poden resultar ofensivos, despreciativos e moi inxustos.




 

jueves, 12 de febrero de 2026

Cinema con perspectiva

O Festival Internacional de Curtas de Bueu leva 19 anos amosando traballos audiovisuais  de todo o mundo ao público galego cada setembro. Como continuación da súa programación dende hai tres anos están a levar polos centros de ensino algunhas desas curtametraxes para así establecer o diálogo e o debate entre o alumnado, amosando temas que afectan principalmente á mocidade.

Logo da visualización de catro curtametraxes tivo lugar un debate sobre o que querían contar cada unha das curtas e como foi a proposta e a posta en escena delas.


O machismo, os trastornos alimentarios, a sororidade, o sexismo ou a igualdade foron algúns dos temas que apareceron nos filmes e que viñan de lugares como Bélxica ou Países Baixos. 



viernes, 6 de febrero de 2026

Club de lectura. O señor das moscas . Novela Gráfica

O Señor das moscas de William Golding é un clásico da literatura universal, unha alegoría de todo canto de bo e malo encerra o xénero humano. Publicada en 1954 converteu ao seu autor nun escritor popularmente coñecido e a a súa lectura nunha cita imprescindible para mozos e mozas de todo o mundo.

Aimée de Jonch asina esta obra en banda deseñada, publicada en español por Alianza Editorial, que gustou enormemente entre as nosas lectoras, e que representa de forma maxistral a loita da civilización contra a barbarie e a perda da inocencia infantil

Para elas era a primeira vez que lían un clásico adaptado á banda deseñada e gustoulles especialmente o tratamento das cores que empregaban como a historia que inquietante devoraron en poucos días.

 Sinopse

Un grupo de nenos evacuados naufraga nunha illa deserta dos Mares do Sur e enfróntase alí co desafío de reorganizar a súa vida en común, a partir de cero. Deberán escoller os mecanismos para vivir en común. Cada personaxe representa diferentes aspectos da humanidade: Piggy, gordo e asmático, é o representante do sentido común; Ralph é o defensor da orde e a civilización; Jack é o fanático e xefe dun grupo de nenos-cazadores, fascinados pola barbarie; Roger representa a crueldade e o sadismo sen límites; Simon encarna a bondade natural da humanidade... Durante o día, exploran as praias cegadoras e paradisiacas. Pero pola noite son atemorizados por pesadelos dunha besta primitiva. Orfos da sociedade, estrañan todo o que perderon e deben forxar a súa propia maneira de vivir; pero moi pronto o grupo divídese e os seus inocentes xogos adquiren un xiro perigoso. 

Un bo inicio de club que tardamos en compartir con vós neste espazo. Agora estamos inmersos noutra lectura  moi diferente de Francisco Castro que en vindeiros días poñeremos en común.

 

 

 

 

jueves, 5 de febrero de 2026

Aprendendo cousas do noso entroido

A pesar de sermos  un concello pequeno e de estar no medio das dúas cidades máis importantes da provincia gardamos a nosa tradición e os nosos costumes porque son das cousas que máis nos definen como seres humanos que formamos parte dunha colectividade.

Se algo nos fai sentir moi orgullosos é o noso entroido que ano tras ano segue a ser coñecido e recoñecido tanto dentro como fóra da nosa xeografía.
 
As madamas e os galáns é unha tradición viva que se transmite de xeración en xeración e no noso colexio foron moitos os alumnos e alumnas que pasearon con fachenda os traxes e os sombreiros de cores vivas.

Visitáronos unha madama e un galán, vestidos como se merece a ocasión e contáronos as curiosidades desta tradición, que algúns sabiamos e outros non. Logo bailaron no patio e houbo quen se achegou a danzar tamén seguindo os pasos da melodía.



lunes, 26 de enero de 2026

Encontro coa escritora María Pareja

María Pareja é escritora e tamén profesora de ensino secundario en Benicassim e polo seu traballo está en contacto coa realidade dos adolescentes, das súas preocupacións e problemas.

Tal vez por iso conecta tanto cos seus lectores e como ela mesma confesa: " falo dos problemas aos que se enfrontan os adolescentes, moitas veces en silencio".



Dame un like ou Relacionados foron dous dos libros da autora valenciá que o noso alumnado leu este curso dentro da materia de Lingua e Literatura Castelá.

A conversa serviu para coñecer as motivacións da súa escrita, compartir finais e analizar os comportamentos e vidas de cada un dos personaxes destas dúas obras.


 Para nós foi un auténtico pracer e un privilexio coñecela e compartir este momento con ela. Aquí deixámosvos un pequeno enlace do encontro.

 

miércoles, 17 de diciembre de 2025

Entrega de premios Concurso de Samaín

Con algo de atraso fixemos esta mañá entrega do premio á gañadora do Certame de relatos de medo que este ano organizamos dende a biblioteca do centro.

A gañadora  foi Noa Tobio de 1º A, baixo o pseudónimo Sakura, cun relato titulado O camiño das faíscas.

Parabéns á gañadora e a todos os participantes por colaborar neste certame. 


 

martes, 16 de diciembre de 2025

Contos polo nadal

Hoxe visitou a Biblioteca alguén moi especial e quixo contarnos a súa historia.

Estamos achegándonos  ao Nadal e por estas datas baixa das montañas de Lugo o Apalpador, que trae regalos a todos os nenos e que antigamente lles levaba castañas.

Maica Fernández foi a encargada de contarnos  a historia dese homiño de barba longa e roxa que antano tocaba as barrigas dos cativos para ver se comeron ben durante o ano e ademais deixarlle unhas cantas que leva no seu enorme saco.

A ver se este ano hai sorte e de portármonos todos ben visítanos o noso carboeiro máis querido, que vén dos Ancares e do Courel  traéndonos moitas sorpresas.

 

Tamén sumouse á festa contadora destes días a nosa compañeira Marta Varela que estivo a ler e contar diferentes contos co nadal como pano de fondo. Así que acondicionamos un recuncho do noso colexío e sentados arredor da cheminea non perdemos detalle de canto alí Marta nos falou.