lunes, 27 de abril de 2026

Poesía revelada

O 23 de Abril chegou e trouxo con el unha fermosa actividade, POESÍA REVELADA.

A partir das páxinas dun libro crearon poesías que mesturaron con debuxos, deixando ao descuberto mensaxes agochadas entre as liñas das páxinas:

Todo comezou  cun primeiro bico, coma a brétema no interior que xermola 


 Síntome como se tivese o corazón latexando na gorxa

 

Unha actividade chea de suxestión e sobre todo de amor polos libros.

 



martes, 17 de marzo de 2026

Club de lectura Letras Salgadas. Iridium

Iridium conta a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes. É unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual non a quererían tanto. É, pois, unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos que desprezan a todas e a todos os que son diferentes.

Historia de discriminacións e inxustizas ou de amor e amizade máis aló das dificultades?

Iridium conta unha historia de amor. Porque todas e todos, independentemente do que nos suceda, sentimos igual.

Esta novela valeulle ao escritor Francisco Castro entrar no catálogo dos mellores libros do mundo para nenos e coa temática de discapacidade.

 

Entre as nosas lectoras houbo disparidade de criterios e mentres a algunhas pareceulles unha novela interesante e atraente porque lles encanta a temática das relacións de parella e do amor adolescente, outras quedaron algo contrariadas. O que todas salientaron é a orixinalidade da escrita ao incluír conversacións de whatsapp, emoticonos e correos que facían a lectura moi amena.

Pero se queredes saber realmente o que pensan e dixeron as nosas lectoras terás que escoitar este PODCAST que prepararon.


 

miércoles, 11 de marzo de 2026

O fío que nos une ás mulleres da nosa vida

Para conmemorar o Día da Muller de maneira transversal en todas as etapas educativas do noso centro desenvolvemos esta actividade que quere homenaxear a todas aquelas mulleres anónimas que moven o mundo.

Os fíos serven para coser e para unir, neste caso á vida das mulleres máis importantes de cada un dos alumnos e alumnas.



Nomes de mulleres referentes que decoran a entrada do noso centro e que deben ser lembradas pola importancia que teñen no día a día da nosa comunidade.


 

jueves, 26 de febrero de 2026

Obradoiro de banda deseñada con Xosé Tomás

Esta mañá visitounos o profesor, ilustrador e debuxante Xosé Tomás.

A súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, con títulos como O caderno azul (Xerais, Vigo), El niño que tenía miedo de los robots / El robot que tenía miedo de los niños (Edebé, Barcelona) María é Maior (Baía, A Coruña), O pirata Metepata (Baía, A Coruña), Sabeliña e os ratos (Galaxia, Vigo), Animalia e outros moitos...

Tamén é autor da novela gráfica Nómades (Galaxia), onde as mulleres son as protagonistas de diferentes historias cuxa temática vai do desarraigo, a explotación, a incomprensión ou o desamparo, aínda que ao final sempre pode encontrarse un sopro de esperanza. 





O obradoiro artellábase en dúas partes:

Unha primeira que servía de introdución e de coñecemento dos elementos indispensables da banda deseñada. Dende os inicios de contar historias a partir de debuxos ata a importancia da elipse, das liñas cinéticas, dos estereotipos e das diferentes formas que poden adoptar as viñetas.

Na segunda parte do obradoiro, o alumnado tivo que poñer en práctica todo o aprendido.

Unha mañá moi proveitosa para todos.








 


 

miércoles, 25 de febrero de 2026

Cazando estereotipos nas redes

Ser responsables no uso das redes sociais e saber recoñecer as manipulacións que se agochan detrás delas é algo que debemos ter en conta.Tamén nas redes abundan estereotipos e onde a manipulación é moi  habitual. 

Este taller serviunos precisamente para descubrir estas e outras cousas, que non debemos deixarnos influír nin seguir as opinións que os influencers e as marcas queren e que debemos ter coidado coas opinións e comentarios que fagamos porque poden resultar ofensivos, despreciativos e moi inxustos.




 

jueves, 12 de febrero de 2026

Cinema con perspectiva

O Festival Internacional de Curtas de Bueu leva 19 anos amosando traballos audiovisuais  de todo o mundo ao público galego cada setembro. Como continuación da súa programación dende hai tres anos están a levar polos centros de ensino algunhas desas curtametraxes para así establecer o diálogo e o debate entre o alumnado, amosando temas que afectan principalmente á mocidade.

Logo da visualización de catro curtametraxes tivo lugar un debate sobre o que querían contar cada unha das curtas e como foi a proposta e a posta en escena delas.


O machismo, os trastornos alimentarios, a sororidade, o sexismo ou a igualdade foron algúns dos temas que apareceron nos filmes e que viñan de lugares como Bélxica ou Países Baixos. 



viernes, 6 de febrero de 2026

Club de lectura. O señor das moscas . Novela Gráfica

O Señor das moscas de William Golding é un clásico da literatura universal, unha alegoría de todo canto de bo e malo encerra o xénero humano. Publicada en 1954 converteu ao seu autor nun escritor popularmente coñecido e a a súa lectura nunha cita imprescindible para mozos e mozas de todo o mundo.

Aimée de Jonch asina esta obra en banda deseñada, publicada en español por Alianza Editorial, que gustou enormemente entre as nosas lectoras, e que representa de forma maxistral a loita da civilización contra a barbarie e a perda da inocencia infantil

Para elas era a primeira vez que lían un clásico adaptado á banda deseñada e gustoulles especialmente o tratamento das cores que empregaban como a historia que inquietante devoraron en poucos días.

 Sinopse

Un grupo de nenos evacuados naufraga nunha illa deserta dos Mares do Sur e enfróntase alí co desafío de reorganizar a súa vida en común, a partir de cero. Deberán escoller os mecanismos para vivir en común. Cada personaxe representa diferentes aspectos da humanidade: Piggy, gordo e asmático, é o representante do sentido común; Ralph é o defensor da orde e a civilización; Jack é o fanático e xefe dun grupo de nenos-cazadores, fascinados pola barbarie; Roger representa a crueldade e o sadismo sen límites; Simon encarna a bondade natural da humanidade... Durante o día, exploran as praias cegadoras e paradisiacas. Pero pola noite son atemorizados por pesadelos dunha besta primitiva. Orfos da sociedade, estrañan todo o que perderon e deben forxar a súa propia maneira de vivir; pero moi pronto o grupo divídese e os seus inocentes xogos adquiren un xiro perigoso. 

Un bo inicio de club que tardamos en compartir con vós neste espazo. Agora estamos inmersos noutra lectura  moi diferente de Francisco Castro que en vindeiros días poñeremos en común.