O Señor das moscas de William Golding é un clásico da literatura universal, unha alegoría de todo canto de bo e malo encerra o xénero humano. Publicada en 1954 converteu ao seu autor nun escritor popularmente coñecido e a a súa lectura nunha cita imprescindible para mozos e mozas de todo o mundo.
Aimée de Jonch asina esta obra en banda deseñada, publicada en español por Alianza Editorial, que gustou enormemente entre as nosas lectoras, e que representa de forma maxistral a loita da civilización contra a barbarie e a perda da inocencia infantil
Para elas era a primeira vez que lían un clásico adaptado á banda deseñada e gustoulles especialmente o tratamento das cores que empregaban como a historia que inquietante devoraron en poucos días.
Sinopse
Un grupo de nenos evacuados naufraga nunha illa deserta dos Mares do Sur e enfróntase alí co desafío de reorganizar a súa vida en común, a partir de cero. Deberán escoller os mecanismos para vivir en común. Cada personaxe representa diferentes aspectos da humanidade: Piggy, gordo e asmático, é o representante do sentido común; Ralph é o defensor da orde e a civilización; Jack é o fanático e xefe dun grupo de nenos-cazadores, fascinados pola barbarie; Roger representa a crueldade e o sadismo sen límites; Simon encarna a bondade natural da humanidade... Durante o día, exploran as praias cegadoras e paradisiacas. Pero pola noite son atemorizados por pesadelos dunha besta primitiva. Orfos da sociedade, estrañan todo o que perderon e deben forxar a súa propia maneira de vivir; pero moi pronto o grupo divídese e os seus inocentes xogos adquiren un xiro perigoso.
Un bo inicio de club que tardamos en compartir con vós neste espazo. Agora estamos inmersos noutra lectura moi diferente de Francisco Castro que en vindeiros días poñeremos en común.

No hay comentarios:
Publicar un comentario