miércoles, 10 de junio de 2026

Club de lectura. Y entonces nos perdimos

Rematamos o curso e entre exames e agobios finais fomos deixando a última reunión para o mes de xuño. Así que para festexar a actividade e o compromiso por parte de todas degustamos unhas pastas de té para facer máis levadeira a xuntanza. E aproveitamos o día espectacular para facela no Biblioxardín. Que máis se pode pedir?

Pois que este último libro fose todo un acerto e outro éxito. Porque nin máis  nin menos Y entonces nos perdimos de Ryan Andrews foi unha historia que a todas lles encantou. Por que?

Polos debuxos tan sorprendentes e imaxinativos que lembraban aos animes xaponeses. Polo inesperado da historia e as preguntas e desconcerto que lles deixou por momentos. Polo tratamento dos personaxes que se deciden a vivir unha aventura e a traspasar os límites marcados onde entran nun mundo novo, un “máis alá” que seus pais lles fixeron prometer que non cruzarían.

Agora só nos resta esperar que esta aventura entre libros que comezamos este ano co  club Letras Salgadas continúe o ano que vén e que máis se unan á AVENTURA DE LER.




jueves, 4 de junio de 2026

Obradoiro marcapáxinas e de pasta de papel

Antes de despedirmos o curso fixemos esta actividade que levaba tempo programada e que por unhas cousas e por outras fomos adiando.

O alumnado de 1º e de 2º estivo a aprender a facer pasta de papel e con ela fixo tapas para cadernos. É un proceso laborioso e que require coidado. Como precisabamos ter auga a man e pías para non poñer todo pingando desenvolvemos a actividade na aula de tecnoloxía.




Probaron tamén con outros materiais base como o bambú e tamén deseñaron marcapáxinas para logo decoralos e personalizalos. 

Unha boa maneira de rematar o ano!









 

martes, 26 de mayo de 2026

Marta Villar presentounos o seu libro

A escritora Marta Villar visitounos o pasado venres 15 para presentarnos o seu libro Os peidos máxicos de Sultán, un libro que leu o alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria.

A autora conversou co alumnado e falaron de moitas cousas, dende o vocabulario ata os personaxes. Tamén de aspectos fantásticos e doutros reais que ten o libro e dos temas que trata, como poden ser: a soidade, a amizade ou o acoso escolar.

Todas as dúbidas ou case todas foron resoltas e para finalizar asinou libros a todos os que llo pediron.




jueves, 21 de mayo de 2026

Begoña Caamaño. Letras Galegas 2026. Especial Radio Toural

Begoña Caamaño foi a personalidade escollida nesta ocasión para celebrar as nosas letras e polo tanto a nosa cultura, que segue viva e ten moito futuro por diante.

Foi xornalista e escritora, moi vinculada aos principais medios de comunicación da época e tamén a aquelas iniciativas culturais e sociais que formaban  parte do tecido social de Galicia.

As participantes no Club de Lectura Letras Salgadas quixeron facer a súa particular homenaxe e desenvolveron este programa especial para festexar a nosa cultura e dar a coñecer un pouco máis a vida e a obra de Begoña Caamaño.

Se queres escoitar o programa non tes máis que premer AQUÍ

 

sábado, 16 de mayo de 2026

En abril, contos mil

No mes de abril xurdiu a idea de facer Recreos de Conto. Desta maneira cada día un contador ou unha contadora leríalles e dramatizaría un conto para todos aqueles que quixesen escoitalo e, por que non dicilo, tamén vivilo.

A implicación de todas as persoas que conformamos a comunidade educativa do CPI do Toural  foi absoluta e o éxito foi tal que non chegaron os días de abril e aínda tivemos que estender os recreos de conto ao mes de maio.

Léronse contos en galego, castelán, inglés e portugués e ademais continuouse co apadriñamento lector, actividade interciclos onde o cerne é a lectura compartida entre iguais. 



lunes, 27 de abril de 2026

Poesía revelada

O 23 de Abril chegou e trouxo con el unha fermosa actividade, POESÍA REVELADA.

A partir das páxinas dun libro crearon poesías que mesturaron con debuxos, deixando ao descuberto mensaxes agochadas entre as liñas das páxinas:

Todo comezou  cun primeiro bico, coma a brétema no interior que xermola 


 Síntome como se tivese o corazón latexando na gorxa

 

Unha actividade chea de suxestión e sobre todo de amor polos libros.

 



martes, 17 de marzo de 2026

Club de lectura Letras Salgadas. Iridium

Iridium conta a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes. É unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual non a quererían tanto. É, pois, unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos que desprezan a todas e a todos os que son diferentes.

Historia de discriminacións e inxustizas ou de amor e amizade máis aló das dificultades?

Iridium conta unha historia de amor. Porque todas e todos, independentemente do que nos suceda, sentimos igual.

Esta novela valeulle ao escritor Francisco Castro entrar no catálogo dos mellores libros do mundo para nenos e coa temática de discapacidade.

 

Entre as nosas lectoras houbo disparidade de criterios e mentres a algunhas pareceulles unha novela interesante e atraente porque lles encanta a temática das relacións de parella e do amor adolescente, outras quedaron algo contrariadas. O que todas salientaron é a orixinalidade da escrita ao incluír conversacións de whatsapp, emoticonos e correos que facían a lectura moi amena.

Pero se queredes saber realmente o que pensan e dixeron as nosas lectoras terás que escoitar este PODCAST que prepararon.